Tartan Gallaecia - O Tartan Oficial Galego
PORTADA     HISTORIA DO TARTAN     HISTORIA DO KILT     VESTIR KILT GALLAECIA


Kilt Gallaecia - O Tartan Oficial Galaico
Historia do Tartan na Europa e na Galiza

Esta páxina trata do Tartan, un tipo de deseño textil en forma de cadros. Se andas na procura de información sobre a saia masculina ou kilt, visita a páxina Historia do Kilt.

Esta páxina contén as seguintes informacións:

+ Que é o Tartan?
+ O tartan, técnica textil europea
+ O tartan como identificativo territorial
+ Novos tempos, novas modas: decadencia do tartan
+ Rexurdimento do tartan na Escocia post-xacobista
+ O tecido en tartan na Galiza




Que é o Tartan?

Mantel de cociña feito en tartan
O tartan é un deseño textil común na nosa vida cotiá. Na foto, un mantel de cociña feito en tartan.
[Alargar imaxe]

Tear antigo para producción de tartan
Antigo tear para a producción de tartan.
[Alargar imaxe]
O tartan é un tecido feito a base dun deseño xeométrico secuencial de liñas de cores e proporcións variadas que producen unha apariencia final en forma de cadros.

Tradicionalmente, o tartan producíase en teares artesanais de catro barras utilizando fíos de lá tinguidos en diferentes cores. A tecedora entretecía os fíos nunha secuencia de cores e proporcións determinada para producir o deseño ou tartan desexado no tecido.

A producción do tartan é unha técnica textil practicada na Europa occidental desde há milleiros de anos, que sobreviveu o paso dos séculos e chegou até os nosos días.

O tartan e tan común na nosa vida cotiá que podémolo encontrar en calquer lugar da nosa casa: no armario (bufandas, xerseis, saias), na cociña (manteis de mesa), no salón (mantas), no dormitorio (pixamas), etc.

Aínda sendo un tipo de deseño moi común na producción textil europea, probablemente a aplicación máis famosa do tartan sexa no Kilt. O kilt é unha saia masculina mundialmente coñecida como o característico traxe folclórico escocés, mesmo se en épocas pasadas esta saia masculina tamén existiu na Galiza e en boa parte do Atlántico europeu.




O tartan, técnica textil europea

O excelente marketing que recibiu o moderno traxe nacional escocés desde o século XVIII fai pensar á maioría da xente que o tartan é un tipo de tecido exclusivo da Escocia. Tal afirmación non é totalmente correcta.

Roupas en tartan levadas polas momias europeas de Ürümchi Roupas en tartan das momias indoeuropeas de Ürümchi.
[Alargar imaxe]

Tartan achado nas minas de sal de Hallstatt, Austria
Tartan achado nas minas de sal de Hallstatt, Austria.
[Alargar imaxe]

Tartan de Northumbria, Illas Británicas
Tartan de Northumbria, un exemplo de tartan rudimentario. Os fíos claros están feitos con lá de ovella común, e os escuros con lá de ovella negra.
[Alargar imaxe]

Príncipe Galaico do Castro de San Julião, por André Pena - www.andrepena.org
Príncipe Galaico do Castro de San Julião, séc.III a.C. Reproducción en cores por André Pena.
[Alargar imaxe]
O tartan é un tipo de tecido europeu, que pertence á cultura textil europea desde há case 4000 anos. Existe evidencia do uso do tartan na maior parte da Europa Atlántica e Central, desde a Gallaecia e Illas Británicas até os Alpes de Austria.

O tecido en tartan máis antigo que se conserva é o da roupa que vestían as Momias de Ürümchi, datadas arredor do ano 1500 a.C. As Momias de Ürümchi son os corpos dun grupo de indoeuropeus caucásicos que migraron pola chamada "Ruta da Seda" desde Europa á Asia Central. As momias indoeuropeas foron achadas nun sorprendente estado de conservación na rexión de Xinjiang, na China occidental, vestidas con mantóns en tartan de lá de varias cores.

Datado sobre o ano 1200 a.C., encontrouse tamén tecido con tartan nas minas de sal de Hallstatt, nos Alpes de Austria. Este achádego foi aproveitado hai anos por unha empresa textil austriaca que gañou un grande volume de vendas publicitando que o deseño en tartan nacera en Austria.

Do século III a.C. consérvanse dúas mostras distintas que proban igualmente a existencia do tartan no Atlántico Europeu: o Falkirk Sett de Escocia e as estatuas de guerreiros galaicos da Gallaecia.

O Falkirk Sett é un pano feito nun tartan simple de lá que foi achado soterrado na Muralla de Antonino, perto da vila escocesa de Falkirk. Este tartan, gardado no National Museum of Scotland, é a mostra máis antiga da existencia de tecido tartan nas Illas Británicas.

Contemporáneo ao tartan caledonio de Falkirk, consérvanse na Gallaecia varias estatuas funerarias de príncipes galaicos. Nas saias dalgúns destes xigantes homes de pedra pódese apreciar a decoración grabada en forma de cadros, representando o tecido en tartan que os verdadeiros guerreiros de carne e oso portarían nas súas prendas.

Existen outros exemplos de tecido en tartan datados épocas xa máis posteriores e achados noutros lugares da Europa desde Escandinavia á Franza.

Non se sabe con certeza cal é a orixe da palabra "tartan". Especúlase que a palabra actual que utilizamos para referirnos a este tipo de deseño textil probablemente fose emprestada do francés medieval Tiretaine, que faría referencia a un farrapo feito de lá e liño. Outros pensan que podería ter nacido a partir das palabras gaélicas Tuar e Tan, que significan "cor" e "comarca" respectivamente.




O tartan como identificativo territorial

A partir do Rexurdimento escocés do século XIX, as diferentes familias fidalgas ou clans de Escocia comezaron a adoptar cadanseu deseño en tartan a xeito de identificación heráldica.

Mais os historiadores pensan que o tartan, antes de adquirir esta moderna función de identificación familiar, puido ter unha anterior función de identificación territorial.

No século XVIII, un autor escocés chamado Martin deixou constancia que cada illa e comarca das Highlands de Escocia utilizaba un deseño diferente de tartan, de xeito que podíase adiviñar a orixe de cada persoa polo deseño do tartan que se levase como roupa.

Cando por volta do século XIX o nobre Sir Alan Cameron fundou o Rexemento militar dos Cameron Highlanders, adoptou un novo tartan con liñas vermellas como uniforme das súas tropas, en base a ter sido o vermello a cor predominante nos tartans da comarca de Lochaber.

Antigamente, cando non existían as tintas químicas, a combinación de cores dos tartans rudimentarios estaba determinada polas tintas vexetais que houbese dispoñibles en cada comarca. As tintas vexetais producíanse a partir de certas prantas, e algunhas desas prantas podía ser máis abondante nunha comarca que noutra.

Os historiadores cren que é posible que cada comarca tivese un predominante deseño propio de tartan; fose por costume, ou máis ben por razóns de disponibilidade local de certa gama de tintas vexetais, ou aínda probablemente por unha combinación das dúas razóns.

Cando o tartan se puxo de moda na Escocia no século XIX, as principais familias fidalgas ou clans de cada comarca comezaron a adoptar o tartan como símbolo heráldico-textil de representar a súa liñaxe. Pénsase que o tartan foi primeiramente o deseño textil característico dun territorio, até que finalmente no século XIX pasou a ser o textil representativo da familia ou clan que governaba sobre ese territorio.




Novos tempos, novas modas: decadencia do tartan

O tartan foi un deseño popular na moda da Europa celta da Idade do Ferro. Do mesmo xeito que hoxe mercamos roupa de marcas caras para exteriorizar o noso estilo de vida, pénsase que, análogamente, o tartan podía ser utilizado en tempos antigos como prenda para mostrar o standing social do seu proprietario.

Estela funeraria do periodo da ocupación romana, con símbolo solar (cruz celta) e home vestido con saia. Estela funeraria da familia de Ambolo, aristócrata galaico da treba Céltica Tamarica, no Noroeste da Gallaecia
Diglosia na moda: Estela funeraria galaica do periodo da ocupación romana, con símbolo solar (cruz celta) sobre a representación dun nobre local vestido con saia, en contraste coa estela funeraria da familia de Ambolo, un nobre galaico da treba "CELTICA TAMARICA", no Noroeste da Gallaecia, que xa aparece vestido á última moda de Roma.
Coa expansión do Imperio Romano introducíronse modas mediterráneas, e as aristocracias locais atlánticas e centroeuropeas comezaron a adoptar un novo estilo de vestir. Novos tempos, novas modas: a sobria túnica grecolatina convertiuse no novo código de estilo entre a xente guapa da Europa celta, e o colorido tartan quedou agora nun estilo "pasado de moda".

A moda grecolatina foi tamén adoptada polos pobos xermanos e durou até ben entrada a Idade Media. O tartan seguiu relegado durante moitos séculos a un estátus de prenda rústica, utilizada apenas por aqueles que non tiñan medios ou necesidade de vestir á última moda de Roma.

Finalizada a Idade Media, comezou a era das exploracións coloniais e dunha intensificación do comercio marítimo con Asia. Novos tecidos e novas modas espalláronse rápidamente por toda Europa. As clases altas, aínda até entón os únicos consumidores de moda, tiñan outras prendas máis exclusivas e máis exóticas que o rústico tartan.

Coa Revolución Industrial, a criación de teares mecanizados permitiu a fabricación de tecidos decorados en tartan a un prezo asequible para a maioría da poboación. Pouco a pouco, a moda comezou a democratizarse e a deixar de ser un asunto exclusivo duns poucos.

A volta do tartan aos salóns europeus de última moda aconteceu por fin no século XVIII, grazas ao Rexurdimento escocés. O novo interese no folclore e na cultura nacional do Romantismo fixo que as fidalguías ou clans escoceses adoptasen os diferentes tartans comarcais como un símbolo de ostentación heráldica textil. O escritor do Rexurdimento escocés, Sir Walter Scott, promocionou o tartan como tecido nacional de Escocia e provocou axiña unha nova corrente de moda na Corte británica. A partir daquí, o tartan deixou de ser un deseño textil proscrito na moda europea e volveu a ser utilizado con regularidade en todo tipo de prendas textís.




Rexurdimento do tartan na Escocia post-xacobista

Idealización da Batalla de Culloden, cadro de David Morier, arredor do 1750
Idealización da Batalla de Culloden, cadro de David Morier, ca.1750. As tropas británicas vestidas á última moda militar do século XVIII, e os fidalgos rurais das Highlands vestidos coas súas rústicas roupas de lá en tartan.
[Alargar imaxe]

O Rei George IV, vestido 'coa roupa dos vellos Galos' na súa visita de Estado a Escocia en 1822
O Rei George IV vestido "coa roupa dos vellos Galos", seguindo as instruccións de Sir Walter Scott. Despois da visita de Estado a Escocia do monarca en 1822, toda a aristocracia rural e urbana escocesa adoptou esta indumentaria como o moderno traxe nacional escocés.
[Alargar imaxe]
No ano 1746 o exército Jacobite (partidarios da casa real dos Santiago ou James de Escocia) foi derrotado polas tropas británicas na Batalla de Culloden. Entre as medidas da posterior represión, o governo británico proibiu aos escoceses vestir roupa en tartan baixo pena de prisión ou exilio, pois aquel era o xeito no que vestían moitos daqueles fidalgos rurais que loitaran no bando dos xacobistas.

Cando a proibición de vestir o tartan en Escocia foi abolida no ano 1782, despois de 36 anos de censura, xa non quedaban restos dos antigos tartans. Os antigos tartans e teares foran destruídos, os vellos tecedores foran morrendo, e toda unha xeración de escoceses medrara sen ver nen saber o que era un tartan.

A censura adoita provocar un resultado contrario do que se prentende, e iso mesmo pasou co tartan en Escocia.

Aínda que xa non se conservaban exemplos de tartáns antigos anteriores a Culloden, un grupo de precursores comezaron a promocionar o tartan como o novo símbolo nacional da Escocia e cara finais do século XVIII, o tartan foi adoptado como uniforme distintivo dos rexementos militares escoceses ao servizo da Coroa británica.

O célebre escritor e poeta do Romantismo escocés, Sir Walter Scott, foi quen finalmente conseguiu establecer o tartan como moderno símbolo nacional escocés.

Aproveitando a visita de Estado do Rei George IV a Escocia en 1822, o maquiavélico Sir Walter Scott convenceu ao monarca de "vestir coa roupa dos vellos Galos" asegurándolle que así gañaría o respeito dos fidalgos das Highlands, que anteriormente apoiaran o bando Xacobista. Ainda que xa ninguén na Escocia vestía tartan desde había un século, Sir Scott, a cargo de organizar a visita real, produciu rápidamente un libriño de instruccións de como vestir "a roupa antiga das Highlands" e comunicou a todos os convidados da sociedade escocesa que para asistir á recepción Real requeríase vestir en tartan e kilt.

Rápidamente, toda a nobreza escocesa, urbana e rural, comezou unha carreira desesperada para encontrar xastres que puidesen facer as novas prendas a tempo para poder acudir á recepción Real, dacordo coas especificacións feitas por Sir Walter Scott.

O teatral evento foi todo un éxito e a partir desta cerimonia Real o tartan e kilt convertéronse nunha moda entre as clases altas escocesas. Os fidalgos rurais comezaron a criar candanseu tartan co nome da súa familia ou clan. No ano 1831 publicouse "The Scottish Gael", o primeiro libro compilatorio de -novos- tartans dos clans escoceses. Cada ano que pasaba inventábanse máis novos deseños, consolidando o tartan como un outro símbolo nacional do país.

Foi así como o escocesismo logrou recuperar unha moda antiga e rural que se perdera. Aínda que os tartans actuais da Escocia só teñen pouco máis dun século de antiguidade, e probablemente sexan moi diferentes dos anteriores tartans rudimentarios, para os escoceses o Tartan é sen dúbida un dos máis queridos símbolos nacionais do seu país.



O tecido en tartan na Galiza

Príncipe Galaico de Lezenho, na Gallaecia meridional, século III a.C. Reproducción de André Pena - www.andrepena.org

Rei ou "Princeps"
galaico de Lezenho, parroquia de Campos, na Gallaecia meridional. Estatua do século III a.C, reproducción en cores por André Pena
[Alargar imaxe]

Saia con tartan na estatua do Princeps Galaico do Castro de Mozinho, século III a.C
Saia con tartan na estatua do Princeps Galaico do Castro de Mozinho, século III a.C. Reproducción en cores por André Pena.
[Alargar imaxe]

Como noutras partes da Europa Atlántica e Central, na antiga Gallaecia tamén existiu a moda en tartan. De feito, nesta terra do suroeste do Mar Céltico conservamos o modelo máis antigo dunha estatua europea que mostra como se vestiría o tartan naquel periodo.

Datadas arredor do século III a.C, do mesmo periodo que o Tartan de Falkirk en Escocia, consérvanse no sul da antiga Gallaecia unha serie de estatuas funerarias representando a reis de treba ou princeps galaicos, vestidos á moda da época.

Estes reis locais, retratados en maneira militar, ao mesmo xeito que tantos outros reis e condes da Idade Media, visten cunha saia masculina sobre a cal se pode apreciar un esculpido xeométrico en cadros, é dicir, unha ornamentación en tartan primitivo ao estilo do Falkirk Sett ou do de Northumbria.

Fusaiola de tear do Castro de Santa Tegra, decorada con círculos, e similar ás encontradas no resto da Europa celta, onde tamén se producían tecidos en tartanDo mesmo periodo histórico consérvanse restos de pezas de teares espallados por diferentes castros da antiga Gallaecia. Non moi lonxe de onde governou o Princeps de Lezenho, no Castro de Santa Tegra, acháronse 47 fusaiolas de tear, todas de estilo similar ás encontradas no resto da Europa Atlántica e Central, onde tamén se producían tecidos en tartan.

Saio calaico en tartan: Estatua celta galaica decorada en tartan, no Castro de Santa Ádega, Reádegos, Co. Ourense
Saio calaico en tartan: Estatua celta galaica con saio en tartan, séc.I d.C. no Castro de Santa Ádega, Reádegos, Co. Ourense.
[Alargar imaxe]
Saio caledonio en tartan: Estampa dun tradicional saio ou 'Plaid' escocés en tartan
Saio caledonio en tartan: Exemplo dun tradicional saio en tartan ou "Plaid" na Escocia do séc XIX.
[Alargar imaxe]
Ao igual que no resto da Europa Atlántica e Central, o tartan utilizaríase -alén da súa función como prenda de vestir- como un símbolo de estátus social e ostentación. Canta máis complexidade e máis cores tivese o tecido, máis caro e máis exclusivo habería ser.

O textil en tartan na Gallaecia seguiu a mesma evolución que no resto da Europa. Coa expansión do Imperio Romano introducíronse novas modas e o colorido tartan foi relegado a un estilo "pasado de moda".

Durante moitos séculos o tartan quedou circunscrito a ámbitos rurais, utilizado só en mantas ou saios por aqueles que non tiñan medios ou preocupación de vestir á última moda. A producción de textiles en tartan facíase a pequena escala en teares nas aldeas, sendo o produto distribuído nos mercados locais através das feiras.

Tear en ruínas na aldea abandoada de Prada, Terra de Trives
Tear en ruínas na aldea abandoada de Prada, Terra de Trives
[Alargar imaxe]
No século XIX, os pequenos teares rurais foron deixando paso aos novos teares mecanizados de alta capacidade de producción que se foron abrindo por toda Europa grazas á Revolución Industrial.

Nas pasadas décadas do século XX, esta industria artesanal textil galega de milleiros de anos de tradición estivo a piques de desaparecer por mor do despovoamento das aldeas e a falta de persoas novas interesadas en aprender este oficio.

Nos últimos anos estase a dar un certo interese por preservar as costumes e os antigos oficios, e como tal o tartan está a volver ser producido por artesáns galegos interesados en recuperar esta tradición textil galega.

A producción textil artesanal en tartan é parte da historia textil galega, atlántica, e europea, e no noso país conservamos unha moi longa tradición de producción textil en tartan que merece ser máis apreciada e máis divulgada.

 


*          *          *          *          *          *


PORTADA     HISTORIA DO TARTAN     HISTORIA DO KILT     VESTIR KILT GALLAECIA