Tartan Gallaecia - O Tartan Oficial Galego
PORTADA     HISTORIA DO TARTAN     HISTORIA DO KILT     VESTIR KILT GALLAECIA


Kilt Gallaecia - O Tartan Oficial Galaico
Como vestir o Kilt Gallaecia

Esta páxina ofrece consellos sobre como vestir a saia masculina ao xeito galego. Nestas outras páxinas poderás encontrar información sobre a historia do Kilt e do Tartan na Galiza.

Esta páxina contén as seguintes seccións informativas:

+ Tartan Gallaecia, o tartan nacional galego
+ Eventos onde vestir a saia celta
+ Como vestir o Kilt Gallaecia (INSTRUCCIÓNS)
+ Como cuidar do Kilt Gallaecia (INSTRUCCIÓNS)
+ Complementos a vestir co Kilt galego
+ Onde mercar o Kilt Gallecia




Tartan Gallaecia, o tartan nacional galego

'Gallaecia - Galicia National Tartan' é o tartan nacional galego para representar a Galiza en calquer tipo de textil
"Gallaecia - Galicia National Tartan" é o tartan nacional galego para representar a Galiza en calquer tipo de textil
O "Gallaecia - Galicia National Tartan", comunmente coñecido co nome "Tartan Gallaecia" é o tartan nacional galego que representa ao noso país, segundo o Tartans World Register.

O Tartan Gallaecia está baseado na cor azul, a cor nacional da Galiza, cunha gama de azul marino representando o noso Atlántico e un azul cobalto simbolizando o ceo e a cor histórica do Reino. Sobre o fondo azul discorren fíos en cor de prata, inspirados no branco da resaca do Atlántico do oeste, as neves das serras galegas do leste, e os mil ríos que percorren toda a Galiza, ademáis de estar esta cor presente na bandeira histórica do Reino galego.

O Tartan Gallaecia pode ser utilizado por calquer galego para representar a Galiza en calquer tipo de textil, por exemplo mantóns, bufandas, e moi especialmente, na saia celta ou Kilt.




Eventos onde vestir a saia celta

Guerreiros galaicos con kilt na Festa Castrexa de Xunqueira de Ambía Guerreiros galaicos con kilt na Festa Castrexa de Xunqueira de Ambía

Grupo de amigos con kilt na romaría celta do San Pipote de Bardaos
Grupo de amigos con kilt na Romaría celta do San Pipote de Bardaos
Pola súa historia e estética, o kilt ou a saia masculina con tartan é unha prenda moi popular tanto entre afeizoados ao revivalismo histórico como entre homes que buscan un xeito diferente e elegante de vestir moda.

Os tres principais tipos de eventos onde é máis frecuente vestir o kilt son en festivais folclóricos ou de revivalismo histórico, en eventos deportivos, e noutra variedade de cerimonias sociais.

Desde hai anos, é frecuente na Galiza vestir kilts ou saias con tartan en eventos de revivalismo histórico galaico como a Festa Castrexa de Xunqueira de Ambía ou o Lughnasad de Bretoña, e en festivais folclóricos ou de música celta como o Intercéltico de Ortigueira, o Intercéltico de Moaña, a Festa da Carballeira de Zas, ou a Romaría Celta do San Pipote de Bardaos entre outros.

O Kilt Gallaecia en particular é igualmente vestido por centos de galegos na diáspora en todo o mundo, desde Suíza aos Estados Unidos, como afirmación da identidade cultural celta do país. Algúns colectivos na diáspora, como por exemplo a Banda de Gaitas Cidade de Bos Aires, visten o Kilt Gallaecia en ocasións especiais.

A xeito festivo, cada vez ven sendo máis común vestir a saia celta en eventos deportivos nos que participan as equipas ou seleccións galegas, particularmente cando se xoga contra clubes de alén do Padornelo, como maneira de ostentación orgullosa do estereotipo celta galego e da identidade atlántica diferenciada do noso país.

Existe outra variedade de eventos sociais onde se pode igualmente vestir o kilt, cun maior grau de formalidade, como xeito de vestir moda masculina diferente e elegante.

Se estás interesado en calquer novidade relevante ao respeito da saia celta no noso país, por exemplo: quedadas en festivais onde acudamos varios 'kilteiros' galegos, historia encol do kilt e tartan no noso país, etc, podes subscreberte á rolda email dos Kilteiros Galegos (http://groups.google.com/group/kilteirosgalegos
)

Google Groups
Subscrébete a Kilteiros Galegos
Email:
Visita a páxina da rolda email dos Kilteiros Galegos





Como vestir o Kilt Gallaecia (INSTRUCCIÓNS)

O Kilt é unha prenda masculina que se viste á altura da cintura, un pouquiño máis enriba do embigo. A parte lisa do tartan é a parte frontal do kilt, e a parte con pregamentos é a parte traseira da prenda.


Para saber a talla ideal de Kilt, débese medir a cintura a unha altura duns 3 cm por riba do embigo (ver altura <-- A --> na foto)
Para saber cal é a talla ideal de Kilt, é necesario medir a cintura.

A cintura débese medir a unha altura duns 3 cm por riba do embigo (ver altura <-- A --> na foto da direita).

Cando se vista o Kilt, a prenda deberase levar á altura da cintura (ver altura <-- A --> na foto da direita).

O Kilt non se debe medir nen levar á altura da cadeira (altura <-B-> da foto).

A lonxitude do Kilt adoita ser estándar e vai desde o embigo ou cadeira ata os xeonllos (ver exemplo <-- C --> na foto da direita).

O Kilt ten unhas correas á altura da cintura para pechar a prenda máis ou menos ao corpo. Este sistema de axuste permite estreitar ou extender a prenda uns 15 cm menos ou máis, posibilitando unha maior flexibilidade no número de talla que se desexa.

Haberá ocasións en que o home prefire levar a prenda máis axustada ao corpo, e haberá outras ocasións (por exemplo, ao xantar) onde é máis cómodo levar o kilt menos axustado ao corpo. Por regra xeral, o kilt débese levar cinguido ao corpo, coas correas ben axustadas.


Tabela orientativa de medidas

Para saber a talla ideal do kilt, é necesario medir o perímetro da cintura. Nesta tabela pódese ver a correspondencia entre o tamaño da cintura e a talla do kilt. Para maior comodidade, as medidas aparecen en sistema métrico (centímetros) e imperial (pulgadas ou inches).

Talla Medida da cintura
(en centímetros)
Medida da cintura
(en pulgadas / inches)
Rapaz 66 cm 26 ''
Adulto - Pequena 81 cm 32 ''
Adulto - Media 86 cm 34 ''
Adulto - Media-Larga 96.5 cm 38 ''
Adulto - Larga 106.7 cm 42 ''
Adulto - Extra Larga 116.8 cm 46 ''





Como cuidar do Kilt Gallaecia (INSTRUCCIÓNS)


Cando o kilt se deixe ao fresco, ou a secar, ou no gardaroupa, o tipo de percha a utilizar para pendurar o kilt é unha como a da foto. Este tipo de percha, ou similar, permite que o kilt estea pendurado verticalmente en liña recta para non estragar os pregamentos da prenda.
[Alargar imaxe]
Despois de vestir o kilt, recoméndase deixar a prenda pendurada no exterior para que lle dea o fresco. O ar axuda a que non se acumulen olores na prenda.

Recoméndase lavar o kilt coa menor frecuencia posible. Se no kilt caeu unha mancha, é preferible enxugar a mancha cun pano mollado frío antes que lavar toda a prenda.

Cando haxa que lavar o kilt, recoméndase non lavar en seco a prenda. Algunhas das substancias utilizadas na lavaxe en seco poden danar o kilt.

O método recomendado de lavaxe do kilt é en auga fría ou morna, nunca quente. Abonda con deixar o kilt submerxido na auga durante uns minutos sen esfregalo, pois isto pode estragar os pregamentos do kilt. Se as manchas na prenda son demasiado obvias, pódese utilizar deterxente, mais que sexa moi suave e para prendas delicadas. Ao pór o kilt a secar debe tamén terse cuidado de penduralo verticalmente en liña recta para non estragar os pregamentos do kilt.

Ao gardar o kilt no gardaroupa -pendurándoo verticalmente en liña recta dunha percha como a da foto- hai que asegurarse de os pregamentos do kilt non sexan enrugados pola presión doutras prendas.




Complementos a vestir co kilt galego

O que máis define ao kilt como prenda masculina é o seu espírito de liberdade.

O kilt significa liberdade de movimento e liberdade de vestir unha prenda alternativa ao dictado social do pantalón. En contraste co pantalón, o kilt é unha prenda máis cómoda e versátil, fresca no verán e quente no inverno.

A liberdade do kilt existe tamén na súa etiqueta social como prenda. Inspirado na paixón celta pola liberdade, non están dictadas estritas regras de moda que digan como se ten que vestir o kilt. Mesmo na Escocia, onde o kilt é o traxe nacional desde hai case dous séculos, non se instituíron regulacións sobre como se debe vestir esta prenda. Ao final, o xeito de vestir o kilt é celtamente libre e depende de cada individuo.

[Premer para ver o video]  - Reportaxe do Kilt Gallaecia emitido na TVG
[Ver video] Reportaxe do Kilt Gallaecia emitido na TVG
O kilt é unha saia masculina decorada con tartan, e o propósito do tartan é o de exteriorizar a orixe xeográfica ou pertenza cultural da persoa.

Para tal propósito, o "Tartan Gallaecia", como tartan nacional da Galiza recoñecido internacionalmente, é o tartan ideal para vestir en kilt galego. A tonalidade azul deste tartan faino ademáis moi fácil de combinar con prendas e complementos doutras cores.

A camisa e o cinto a combinar co tartan é completamente unha escolla individual en base ao gusto de cada quen e da formalidade do evento no que se viste o kilt.

Para eventos deportivos ou informais, o kilt casa moi ben con camisolas deportivas como por exemplo o xersei da selección galega de rugby ou a camisola da selección galega de futbol.

Príncipe Galaico do Castro de San Julião, por André Pena - www.andrepena.org
Príncipe Galaico do Castro de San Julião, séc.III a.C. Reproducción por André Pena.
[Alargar imaxe]
Para unha apariencia máis enxebre ou histórica, pódese facer uso da tradicional camisa de liño, que é norma común no traxe moderno galego e no uniforme dos gaiteiros do país.

Saio calaico en tartan: Estatua celta galaica decorada en tartan, no Castro de Santa Ádega, Reádegos, Co. Ourense
Saio calaico en tartan: Estatua celta galaica con saio en tartan, séc.I d.C. no Castro de Santa Ádega, Co. Ourense.
[Alargar imaxe]
Saio caledonio en tartan: Estampa dun tradicional saio ou 'Plaid' escocés en tartan
Saio caledonio en tartan: Exemplo dun saio en tartan ou "Plaid" nunha estampa da Escocia do séc XIX.
[Alargar imaxe]
Para ocasións formais, ou para cando caia a noite e veña o fresco, pódese utilizar o chaleque ou a chaqueta tradicional do traxe moderno galego. Tamén se pode utilizar o saio moderno galego nunha soa cor, ou en tartan, como facían os galaicos da antiga Gallaecia.

A Faldriqueira ou peto frontal é un xeito moi práctico para gardar cartos, chaves, panos, etc. Este peto é un complemento estándar cando se viste o kilt, por mor da súa practicalidade. A faldriqueira vístese na parte dianteira do kilt e está suxeita ao corpo por unha corda ou cadea que dá a volta á cintura.

Outro complemento bastante común a vestir co kilt son os carpíns de lá. Estes carpíns chegan até case o xeonllo e son particularmente útiles nos días frescos.

Para suxeitar os carpíns e ao mesmo tempo casar co kilt, a efeitos de dar unha maior variedade a todo o conxunto, é costume engadir aos carpíns unha fita do mesmo tartan ou cor co kilt.

O tipo de calzado a vestir co kilt, ao igual que os carpíns e a fita do carpín, é unha cuestión de preferencia persoal.

Entrelazo celta de Oís (Co. Betanzos) e Cruz Celta de Santa Susana (Co. Santiago)
Outro tipo de complemento bastante frecuente a levar co kilt é un pin decorativo feito de metal que adoita representar un símbolo tradicional do territorio co que se identifica un. Para vestir co kilt galego, pódense engadir pins con deseños do arte celta galego como a Cruz de Santa Susana, o Entrelazo de Oís, etc.

Ainda que tamén volve ser unha opción libre da persoa que viste o kilt, é práctica común vestilo "ao natural", sen levar roupa interior baixo da saia celta, dacordo coa tradición e espírito de liberdade de movimento asociado a esta prenda da moda masculina.




Onde mercar o Kilt Gallaecia

O Kilt Gallaecia pódese mercar online en www.TendaGaliza.com

 

*          *          *          *          *          *


PORTADA     HISTORIA DO TARTAN     HISTORIA DO KILT     VESTIR KILT GALLAECIA