Tartan Gallaecia - O Tartan Oficial Galego
PORTADA     HISTORIA DO TARTAN     HISTORIA DO KILT     VESTIR KILT GALLAECIA


Kilt Gallaecia - O Tartan Oficial Galaico
Historia do Kilt no Atlántico e na Galiza

Esta páxina trata do Kilt, prenda de moda masculina. Se andas na procura de información sobre o tartan ou deseño textil en forma de cadros, visita a páxina Historia do Tartan.

Esta páxina contén as seguintes informacións:

+ Que é o Kilt?
+ Foi o kilt inventado na Gallaecia?
+ Prenda tradicional de moda masculina no Atlántico
+ Novos tempos, novas modas: a chegada do pantalón
+ Revivalismo do kilt na Escocia post-xacobista
+ Revivalismo do kilt no Atlántico celta



Que é o kilt?

O Kilt é o nome dun tipo de saia masculina confeccionada cun deseño en tartan, que foi popularizada durante o Rexurdimento do século XIX en Escocia. Desde finais do século XX, o kilt comezou tamén a ser adoptado progresivamente no resto dos Países Celtas como un sinal da moderna identidade celta e de revivalismo histórico en certos contextos folclóricos.

Aínda que o kilt é comunmente asociado só a Escocia, onde esta prenda é o traxe nacional desde hai dous séculos, o certo é que a saia masculina non é unicamente escocesa senón que é parte dunha máis extensa moda europea.

As saias masculinas foron a moda común na maior parte da historia textil atlántica, incluida na Galiza, durante máis dun milenio. De feito, os pantalóns que todos vestimos por norma na moda masculina de hoxe en día, só se convertiron nunha prenda de uso regular en Europa desde o século XVI.




Foi o kilt inventado na Gallaecia?

Algúns autores irlandeses sosteñen que a saia masculina con deseños en tartan orixinou de feito na Irlanda, e que desde aló foi introducida en Escocia cando os gaélicos da treba escota se asentaron no oeste da Caledonia a partir dos séculos V e VI d.C.

Ese suposto antecesor do kilt chámase Léine en gaélico irlandés e era unha especie de longa camisa ou túnica de liño que chegaba até os xeonllos. Os historiadores escoceses non comparten a tese dos seus curmáns irlandeses, e retrucan que o verdadeiro antecesor do kilt era o Plaid, unha especie de manta ou saio con deseños en tartan, axustada ao corpo cun cinto, que logo evoluiu na forma moderna do kilt.

Os escoceses teñen a súa parte de razón en que o inmediato antecesor do kilt ou saia con tartan foi unha evolución do Plaid vestido nas Highlands, e os irlandeses poden ter a súa parte de razón en que eles xa vestían antes que os escoceses unha prenda en tartan que chegaba en forma de saia até os xeonllos. Mais se se trata de afirmar quen foi o primeiro no Atlántico europeu en vestir antigos kilts (saia masculina con tartan), logo os galegos deberíamos presumir de termos sido os primeiros...

Príncipe Galaico de Lezenho, na Gallaecia meridional, século III a.C. Reproducción de André Pena - www.andrepena.org

Rei ou "Princeps"
galaico de Lezenho, parroquia de Campos, na Gallaecia meridional. Estatua do século III a.C, reproducción en cores por André Pena
[Alargar imaxe]

Vestimenta e armas dun guerreiro celtogalaico do século III a.C.
Vestimenta e armas dun guerreiro celtogalaico do séc.III a.C.

[Alargar imaxe]
Datadas arredor do século III a.C, moito antes da invasión romana, consérvanse no sul da antiga Gallaecia unha serie de estatuas funerarias representando a reis de treba ou princeps galaicos, vestidos á moda da época. Estes reis locais, retratados en maneira militar, ao mesmo xeito que tantos outros reis e condes da Idade Media, visten cunha saia masculina sobre a cal hai un esculpido xeométrico en cadros, é dicir, unha ornamentación en tartan.

Nestas grandes estatuas graníticas de chieftains galaicos pódese apreciar craramente unha vestimenta de dúas prendas separadas: unha camisa ornamentada con motivos circulares, e unha saia masculina decorada en liñas xeométricas cadradas, é dicir, en tartan.

A datación destas estatuas galaicas con saia en tartan é anterior en máis de cinco séculos ás primeiras noticias do Léine irlandés, e en case dous milenios á criación moderna do kilt escocés. Máis aínda, o folclore histórico irlandés asegura que o pobo gaélico é descendente das migracións dos fillos de Breogán, rei de Brigantia, que desde a Irlanda logo se asentaron tamén na Escocia.

Os galegos somos xente prudente e non nos gusta presumir, mais se cadra xa vai sendo hora de que levantemos a voz e digamos claramente que a primeira representación que existe dun home portando un kilt (saia masculina decorada con tartan), non é nen gaélico-escocesa nen gaélico-irlandesa. É galaica da Gallaecia.




Prenda tradicional de moda masculina no Atlántico

Príncipe Galaico do Castro de San Julião, por André Pena - www.andrepena.org
Príncipe Galaico do Castro de San Julião, séc.III a.C. Reproducción en cores por André Pena.
[Alargar imaxe]


Túnica e Léine na Cross of the Scriptures en Clonmacnois, Irlanda
Túnica e Léine no mosteiro de Clonmacnois, Irlanda
, século VI.
[Alargar imaxe]
A saia masculina foi unha prenda común de moda masculina no Atlántico hai polo menos dous milenios. Era costume fabricar estas prendas en varias cores e decoracións, por exemplo en tartan, coa finalidade de mostrar a alta categoría social do seu propietario.

Os primeiros testemuños dunha prenda que podemos calificar como un kilt primitivo -isto é, unha saia decorada en tartan- encóntranse en castros do sul da Gallaecia, como parte de monumentos funerarios de príncipes de treba datados arredor do século III a.C.

Estela funeraria do tempo da ocupación romana, con símbolo solar (cruz celta) e home vestido con saia.
Estela funeraria galaica do tempo da ocupación romana, con símbolo solar (cruz celta) e home vestido con saia, exposta no Museu Quiñones de Vigo.
[Alargar imaxe]
Coa posterior expansión do Imperio Romano introducíronse modas mediterráneas, e as aristocracias locais da Britannia e da Gallaecia comezaron a adoptar progresivamente o novo estilo de vestir de moda no resto da Europa: a sobria túnica grecolatina.

No entanto, é de supor que a poboación non-aristócrata e non-docta continuou utilizando o mesmo tipo tradicional de prenda rural, posiblemente unha combinación de saia e mantón.

A túnica chegou tamén ás clases altas da Irlanda -mesmo se esta illa nunca foi parte do Imperio Romano- pola vía do seu comercio coas terras viciñas da Britannia e Gallaecia. Unha adaptación da túnica puido ter resultado no Léine irlandés, unha especie de longa camisa de liño que chegaba até os xeonllos.

Desde Irlanda, esta túnica-camisa foi levada á Caledonia coa migración da treba gaélica escota nos séculos V e VI.

Como con calquer prenda, a túnica grecolatina tamén acabou pasando de moda. Ao longo da Idade Media fóronse espallando pola Europa uns modelos máis desenvolvidos en tipoloxía e cores, nos que a saia seguiu sendo unha prenda común de moda masculina.

Existen interpretacións de referencias feitas encol das Brehon Laws, as leis medievais gaélicas, onde o Léine estaría decorado en liñas ou deseños xeométricos co fin de ostentación do rango social do seu propietario, ao mesmo xeito que aquelas estatuas de príncipes galaicos decoradas ricamente en tartan. Algúns autores interpretan estas referencias como unha alusión a léines feitos en tartan, e por tanto unha moda predecesora que logo foi exportada a Escocia e aló resultou mais tarde no moderno kilt.

Os autores escoceses manteñen que a moda máis común na Escocia medieval era o Plaid, unha especie de mantón, que igual que o Léine tamén chegaba até os xeonllos como se fose unha saia.

Imaxe dun banquete irlandés do ano 1581, onde a camisa-saia ou Léine é ainda o elemento da moda masculina
Grabado dun banquete irlandés do séc.XVI, onde a camisa-saia é ainda parte da moda masculina.
[Alargar imaxe]
Home de Tui e gaiteiro con saia, Grabado de representación dunha boda galega do século XVIII
Grabado dunha boda galega do séc.XVIII en Tui, onde a saia aínda é moda masculina.
[Alargar imaxe]

As dúas partes poden ter razón. En toda a Europa atlántica medieval, eran as clases aristócratas e educadas as que consumían moda e as que vestían nunha variedade de saias, medias, camisas longas, ou túnicas curtas similares ao Léine. En contraste, o pobo común vestíase á moda nativa, que posiblemente seguise sendo unha simple combinación rústica de saia e mantón similar ao Plaid.

Co comezo da Idade Moderna no século XVI, a era das exploracións coloniais e do comercio marítimo con Asia xerou un rápido desenvolvimento económico e unha aceleración nos ciclos de moda na Europa. A partir do século XVI comezou a introducirse o pantalón como prenda exclusiva para homes, que co paso do tempo acabou por desprazar completamente á saia masculina.

Vestimenta dos homes galegos no ano 1547 segundo o
                  Códice de Traxes, Biblioteca Nacional de España

Vestimenta dos homes galegos no ano 1547 segundo o Códice de Traxes, Biblioteca Nacional de España
[Alargar imaxe]




Novos tempos, novas modas: imponse o pantalón

Nova moda do pantalón na Franza de finais do século XVIII
Nova moda do pantalón na Franza do séc.XVIII
[Alargar imaxe]

Antigo traxe rural galego do séc.XVIII en Betanzos, con Saia, antes da introducción do pantalón
Antigo traxe rural galego do séc.XVIII en Betanzos, con Saia Masculina, antes da introducción do pantalón
[Alargar imaxe]
Nos séculos medievais comezaron a aparecer unhas prendas lixeiras que poderiamos calificar como Medias, para uso exterior en combinación coas saias ou túnicas curtas. Unha variante desta prenda era utilizada particularmente para montar a cabalo.

Os pantalóns, nunha feitura exterior tal como máis ou menos os utilizamos hoxe, é unha prenda moderna que só foi introducida na moda da Europa occidental a partir do século XVI.

A partir de aló, o pantalón foise convertendo na prenda estándar de moda masculina europea, e a saia quedou relegada a unha prenda utilizada só na moda para muller.

O actual traxe nacional galego para home, de pantalón e chaqueta curta, foi introducido moi recentemente na Galiza nos arredores do novo poboamento militar do Ferrol, a finais do século XVIII.

Constan exemplos, como os grabados do século XVIII do Labrego de Betanzos ou a Boda Galega de Tui, que mostran que na moda popular masculina da Galiza do século XVIII-XIX aínda se vestía a saia, a pesar de ir introducíndose progresivamente a nova moda do pantalón.

Pénsase que a palabra Pantalon ten a súa orixe nos dialectos italianos, mentres que o seu equivalente na lingua inglesa Trousers, é un empréstito do gaélico Triubhas ou Truis, que ven significar "calzóns axustados".

Escultura deun gaiteiro galego con saia ou túnica
                          curta, Pontevedra, probablemente séc.XVI - XVII
Escultura deun gaiteiro galego con saia ou túnica curta, Pontevedra, probablemente séc.XVI - XVII.
[Alargar imaxe]
Primeira pintura dun gaiteiro galego con pantalóns:
                          O Sr. Farruco de Montrove, segunda metade séc.XIX
Primeira pintura dun gaiteiro galego con pantalóns: O Sr. Farruco de Montrove, segunda metade séc.XIX
[Alargar imaxe]




Revivalismo do kilt na Escocia post-xacobista

No ano 1746 o exército Jacobite (partidarios da casa real dos Santiago ou James de Escocia) foi derrotado polas tropas británicas na Batalla de Culloden. Entre as medidas da posterior represión, o governo británico proibiu aos escoceses vestir roupa en tartan baixo pena de prisión ou exilio, pois aquel era o xeito no que vestían moitos daqueles fidalgos rurais que loitaran no bando dos xacobistas.

Durante os 36 anos que durou a censura de vestir roupa en tartan, introducíronse rápidamente as novas modas comúns na Inglaterra e no resto da Europa, incluído o uso do pantalón en vez do Plaid ou saio-mantón até o daquela vixente na Escocia.

Para cando a proibición de vestir o tartan en Escocia foi abolida no ano 1782, toda unha xeración de escoceses medrara vestindo unha moda diferente da dos seus avós.

Nun acto de tardía rebeldía á censura do xeito de vestir rural escocés, un grupo de precursores comezaron a promocionar o tartan como o símbolo dunha nostalxia romántica polo Xacobitismo.

O Rexemento escocés Black Watch, loitando en Kilt na Batalla da Coruña, Galiza, no ano 1808
O Rexemento Black Watch, loitando en Kilt como parte da alianza galaico-británica na Batalla da Coruña, Galiza, ano 1808
[Alargar imaxe]
O primeiro éxito destes románticos escocesistas chegou a finais do século XVIII, cando o kilt ou saia decorada en tartan comezou a ser adoptado como uniforme polos diferentes rexementos militares escoceses ao servizo da Coroa británica.

Un dos primeiros países europeus en ver o kilt como novo uniforme militar escocés foi o Reino da Galiza, onde o Rexemento dos Black Watch loitou como parte da alianza galaico-británica contra os franceses na Batalla da Coruña no ano 1808.

Mais quen realmente conseguiu establecer o kilt como moderno traxe nacional escocés foi o célebre escritor e poeta do Romantismo escocés, Sir Walter Scott.

Aproveitando a visita de Estado do Rei George IV a Escocia en 1822, o maquiavélico Sir Walter Scott convenceu ao monarca de "vestir coa roupa dos vellos Galos" asegurándolle que así gañaría o respeito dos fidalgos das Highlands, que anteriormente apoiaran o bando Xacobista. Ainda que xa ninguén na Escocia vestía saia masculina desde había un século, Sir Scott, a cargo de organizar a visita real, produciu rápidamente un libriño de instruccións de como vestir "a roupa antiga das Highlands" e comunicou a todos os convidados da sociedade escocesa que para asistir á recepción Real requeríase vestir en kilt.
Traxe escocés moderno, incorporando elementos da moda europea do séc.XX como a garavata e o traxe
Traxe escocés moderno, incorporando elementos da moda europea do séc.XX como a garavata e o traxe.
[Alargar imaxe]


Rápidamente, toda a nobreza escocesa, urbana e rural, comezou unha carreira desesperada para encontrar xastres que puidesen facer as novas prendas a tempo para poder acudir á recepción Real, dacordo coas especificacións feitas por Sir Walter Scott.

O evento foi todo un éxito, e a partir de aquí o kilt converteuse nunha moda típicamente escocesa para eventos cerimoniais e folclóricos.

Os detalles, feitura, e complementos vestidos co kilt foron evolucionando durante as seguintes décadas até tempos recentes, adaptándose aos cambios que houbo na moda europea do século pasado.

Foi así como o escocesismo non só logrou recuperar unha moda antiga e rural que se perdera, mais logrou elevala até o rango de traxe nacional do seu país.




Revivalismo do kilt no Atlántico celta

No espazo cultural atlántico sempre houbo intercambios desde moi antigo, e estes intercambios continúan a darse hoxe baixo diversas formas.

Desde que a saia con tartan ou kilt se recuperou como traxe nacional da Escocia, esta vestimenta foi progresivamente espertando o interese doutros curmáns celtas modernos na Irlanda, Gales, Galiza, Bretaña e Cornualla.

Retrado dos infantes fidalgos do Pazo de Barallobre, Galicia, 1857

Retrato dos infantes fidalgos do Pazo de Barallobre, Co. Ferrol, Galiza, 1857. A nena, Carme Jaspe Moscoso, vestida de branco e o seu irmán, Antón Jaspe Moscoso, vestido con kilt
[Alargar imaxe]

Irish National tartan Irish National tartan

Galicia National tartan Galicia National tartan

Cornish National tartan
Cornish National tartan

Brittany National tartan
Brittany National tartan

Welsh National tartan
Welsh National tartan
Irlanda mantivo sempre unhas relacións moi estreitas cos seus viciños escoceses. Isto levou a que o kilt e o tartan fosen importandos con naturalidade como un elemento complementario máis do folclore irlandés moderno. Aínda que obviamente con moita menor intensidade que na Escocia, onde cada familia ou clan ten o seu propio tartan, na Irlanda é posible ver individuos e grupos de gaitas vestindo en tartan e en kilt nalgúns eventos folclóricos. O tartan preferido para representar a Irlanda en kilt é o Irish National tartan, que sobre un fondo verde -a cor nacional irlandesa- ten fíos brancos, verde-escuros e laranxas, igual que as cores da bandeira do Éire.

Seguindo o exemplo de irlandeses, os entusiastas da identidade nacional galesa adoptaron un tartan nacional galés para identificar ao País de Gales en kilt. O Welsh National tartan leva unha combinación simples de liñas verdes e vermellas sobre un fondo verde, representando as cores da bandeira nacional galesa.

Galegos, bretóns, e cornualleses foron os seguintes en ir acollendo a noción do kilt ou saia celta como prenda que representa un ideal de irmandade cultural entre as fisterras celtas do Atlántico.

Cornualleses e bretóns teñen os tartans Cornish National e Brittany National para representar aos seus respectivos países en kilt. O Cornish National tartan inclúe as cores negra e branca da bandeira nacional sobre un amarelo que representa a liñaxe de reis cornualleses. O Brittany National ten unha laboriosa combinación de fíos cuxas cores representan o branco da bandeira, o verde do país e o azul do Atlántico.

De xeito similar aos anteriores, o Galicia National tartan ou Tartan Gallaecia é o tartan nacional galego para representar ao país en kilt. O tartan está baseado na cor azul, a cor nacional da Galiza, cunha gama de azul marino representando o noso Atlántico e un azul cobalto simbolizando o ceo e a cor histórica do Reino. Sobre o fondo azul discorren fíos en cor de prata, inspirados no branco da resaca do Atlántico do oeste, as neves das serras galegas do leste, e os mil ríos que percorren toda a Galiza, ademáis de estar esta cor presente na bandeira histórica do Reino galego.

Guerreiros galaicos con kilt na Festa Castrexa de Xunqueira de Ambía Guerreiros galaicos con kilt na Festa Castrexa de Xunqueira de Ambía

Grupo de amigos con kilt no San Pipote de Bardaos
Grupo de amigos con kilt no San Pipote de Bardaos
Desde hai anos, na Galiza pódense ver kilts ou saias en tartan en eventos culturais como a Festa Castrexa de Xunqueira de Ambía, o Lughnasad de Bretoña, o Intercéltico de Ortigueira, o Intercéltico de Moaña, a Festa da Carballeira de Zas, ou o San Pipote de Bardaos entre outros. O kilt Gallaecia en particular é Cada ano que pasa, o uso desta saia celta ven sendo máis común tanto entre afeizoados ao revivalismo histórico galego como entre homes que buscan un xeito diferente e elegante de vestir moda.

Na Bretaña, un grupo de siareiros da saia celta uniu forzas nunha asociación co fin de promocionar o uso do kit no seu país. Desde o ano 2003, os bretóns da Association Breizhlanders reúnense en festivais folclóricos e conmemoracións de todo tipo para mostrar a vestimenta desta elegante prenda de vestir masculina que eles consideran que xa non é unha exclusividade escocesa, senón un símbolo identitario dos celtas modernos.

No website desta asociación afírman que «O kilt é o símbolo da vestimenta intercéltica por excelencia». «Todas as persoas xustifican a súa maneira de ser e o seu modo de vivir en base á súa libre pertenza a un grupo cultural. Os bretóns poden vestir o kilt por todas as razóns que se queiran, mais o motivo principal é a vontade de afirmar a diferencia cultural da Bretaña e de achegar ao país as modas que existen nas outras nacións celtas».


*          *          *          *          *          *




PORTADA     HISTORIA DO TARTAN     HISTORIA DO KILT     VESTIR KILT GALLAECIA